Ada Lovelace (1815-1852) inventou o primeiro programa de ordenador. O máis salientable de Ada foi o seu interese e dedicación ao estudo das matemáticas e a súa aplicación práctica para desenvolver máquinas automáticas, nun tempo no que as mulleres non podían acceder ao ámbito público nin á educación superior. Foi pioneira no seu tempo deducindo a capacidade dos ordenadores para sobrepasar as máquinas da época, que só realizaban simples cálculos numéricos, e así sentar os fundamentos da programación actual.

Ada naceu no seo dunha familia da aristocracia londiniense, filla da matemática Anne Milbanke e o poeta Lord Byron. Nas súas veas leva o gusto polas matemáticas da nai e o gusto pola poesía do pai. A súa infancia transcorre nun ambiente moi favorable á ciencia, pola influencia da súa nai e da súa titora e amiga Mary Sommerville, que foi unha grande física e astrónoma autodidacta. De pequena, Ada mostrou grande interese polas cousas mecánicas, por iso asistía coa súa nai aos teares industrias da época, que lle serviron de inspiración na súa traxectoria científica.

Nos salóns de ciencia aos que asistía, coñeceu ao matemático Charles Babbage. Ada transcribiu os planos da máquina de calcular de Babbage en 1842 e, ademais de corrixir erros, engadiu anotacións tres veces máis longas que o texto orixinal. Estas anotacións considéranse o inicio da teoría da computación, aínda que a máquina deseñada construíuse 100 anos despois. Charles comprendeu o talento de Ada e expresáballo nunha carta enviada a Michael Faraday dicindo: “Esta maga dominou co seu feitizo a máis abstracta das ciencias, aprendeuna cunha forza da que ningún intelecto é capaz”.

Ada quedou no esquecemento até a metade do século XX, cando foi recuperada pola historia das mulleres en tecnoloxía e ciencia. O primeiro recoñecemento foi en 1979 coa aparición da linguaxe de programación ADA, nomeada así na súa honra, que se usa no deseño de sistemas de control aéreo. En 2009 comezou a celebrarse o día de Ada Lovelace, no segundo martes do mes de outubro, para celebrar os logros femininos en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (ámbito coñecido como STEM, polas súas siglas en inglés).